Tres expertos veterinarios reflexionan neste artigo sobre o concepto e importancia do benestar animal, os principios en que se fundamenta, o seu desenvolvemento técnico e normativo en Europa e o mundo, e o papel da profesión veterinaria como garante da saúde e benestar dos animais.
Por:
Felipe Vilas Herranz, presidente do Colegio de Veterinarios de Madrid
Federico Villaplana, presidente do Colegio de Veterinarios de Cádiz
Ana Mascías Cadavid, asesora técnica do Colegio de Veterinarios de Madrid
Os cidadáns actualmente preocúpanse profundamente polo benestar dos animais e cada vez son máis os que esixen coñecer se os animais reciben un tratamento “ético”.
É necesario responder a esta “demanda”, garantindo o benestar e a protección animal mediante normas baseadas en criterios científicos e cunha “intachable” actuación por parte dos veterinarios aos que se lles debe ofrecer, desde o inicio dos seus estudos, unha formación completa no campo do benestar animal e concienciar do papel clave que a profesión xoga nesta área.
Definicións
Definición segundo a Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE): O termo benestar animal designa o modo en que un animal afronta as condicións da súa contorna. Un animal está en boas condicións de benestar se (segundo indican probas científicas) está san, cómodo, ben alimentado, en seguridade, pode expresar formas innatas de comportamento e se non padece sensacións desagradables de dor, medo ou desasosego.
As boas condicións de benestar dos animais (VER LIGAZÓN) esixen que se preveñan as súas enfermidades e se lles administren tratamentos veterinarios apropiados; que se lles protexa, manexe e alimente correctamente, e que se lles transporte e sacrifique de maneira compasiva. O concepto de benestar animal refírese ao estado do animal na súa integridade física, fisiolóxica e psicolóxica.
A saúde completa e integral dos animais implica a necesidade de preservar o benestar asociado aos seus requirimentos etolóxicos e á posibilidade de manter os comportamentos propios da súa especie. É básico coñecer as características fisiolóxicas, etolóxicas e conductuais propias de cada especie animal para prover as condicións idóneas para a súa vida e detectar inmediatamente as desviacións ou alteracións de benestar.
A forma de tratar a un animal desígnase con outros termos como coidado dos animais ou protección animal.
Importancia do benestar animal
O benestar dos animais é importante non só no ámbito dos animais de renda, onde están sobradamente reguladas e estandarizadas as normas, senón que existen moitos outros ámbitos nos que se deben crear normas xerais para todos os países que garantan que se alcanzan niveis óptimos de benestar en:
-Animais de laboratorio
-Animais en desastres naturais (http://www.oie.int/fileadmin/Home/esp/Animal_Welfare/docs/pdf/Otros/Gestiondesastres-ESP.pdf)
-Animais de traballo. Nos países en vías de desenvolvemento e nos menos desenvolvidos, os animais de traballo, sobre todo équidos, bóvidos e búfalos, desempeñan un importante papel en moitos sectores, especialmente a agricultura e o transporte de bens e de persoas. Estímase que o sustento de 1.000 millóns de persoas, incluídas moitas das máis pobres do mundo, depende directamente dos animais.
-Fauna silvestre
Un capítulo aparte son os animais de compañía, que é un campo no que se mesturan habitualmente os conceptos de “benestar” animal e de “protección” animal.
Entendendo como di a OIE o benestar como algo directamente relacionado coa saúde animal, é o veterinario quen debe exercer o liderado nesta área de maneira indiscutible.
Para iso, gobernos, universidades, colexios de veterinarios e asociacións científicas e profesionais, deben implicarse “profundamente” para poder establecer criterios comúns que permitan seguir una mesma estratexia a nivel europeo e mundial.
Na protección animal, ademais dos veterinarios entran en xogo outros “actores” como as Ong, sociedades protectoras de animais ou asociacións de conservación do medio ambiente.
Papel da profesión veterinaria
A profesión veterinaria desempeña unha función clave á hora de garantir a sanidade e o benestar animal, e a formación veterinaria cada vez inclúe unha maior variedade de materias relativas ao benestar animal. Por iso, tanto a nivel nacional como rexional os mellores resultados obtéñense cando os servizos veterinarios traballan para a mellora do benestar animal xunto cos sectores agropecuarios, os donos de animais e a sociedade.
Con independencia dos avances que se lograron ao longo das últimas décadas, para mellorar o benestar animal de forma sustentable aínda teñen que afrontarse moitos retos. Actualmente, a OIE traballa na elaboración de normas e recomendacións relativas a novos ámbitos de importancia para o benestar animal.
“Os veterinarios non poden ignorar o benestar animal. Deben xogar un papel activo nesta área” (Bernard Vallat)
Garantir o benestar animal é unha misión fundamental tanto de cada veterinario en particular como da comunidade veterinaria en xeral. E non só debemos ocuparnos das nosas funcións tradicionais, senón tamén de informar, educar e concienciar a propietarios, adestradores, produtores e gandeiros en todo o referente ás boas prácticas no coidado dos animais e na súa tenencia responsable.
Como profesión, debemos adquirir un compromiso ético co benestar animal e asumilo dentro das nosas obrigas profesionais e deontolóxicas, entendendo o que a sociedade nos reclama.
E somos tamén nós os que debemos participar en proxectos científicos, foros, iniciativas e no desenvolvemento de políticas e leis que potencien o benestar animal.
Está comprobado, ademais, que un coidado apropiado dos animais ten un impacto favorable nunha serie de áreas esenciais na sociedade e mesmo na saúde humana. Especialistas confirman que os animais de compañía reportan benestar físico, psíquico e social ás persoas que conviven con eles.
O benestar animal en Europa e no mundo
Segundo dita o Plan estratéxico da Comisión Europea sobre Benestar Animal (VER), baixo o lema “Todos somos responsables”, débense ter en conta varios aspectos:
-Tratamento dos problemas xeneralizados a nivel europeo en base a criterios xerais que simplifiquen as normas.
-Mellora da formación dos gandeiros e dos veterinarios que inspeccionan as granxas.
-Axudar os países da UE a que cumpran a normativa comunitaria.
-Promovendo a cooperación internacional para mellorar o benestar animal
-Mellorar a información que se proporciona ao consumidor e reforzalo á hora de esixir un compromiso dos gobernos co benestar animal
A nivel mundial, é a OIE a que dita as normas e realiza cada 4 anos unha conferencia mundial sobre benestar animal (a próxima terá lugar en México o próximo mes de decembro. VER PROGRAMA) na que se reúnen os diferentes grupos de traballo e discuten sobre as estratexias para seguir neste campo.
A OIE comprometeuse a mellorar o benestar dos animais a escala mundial e a promover unha relación positiva entre o home e os animais.
Principios básicos en que se fundamenta o benestar dos animais
1.- Que existe unha relación crítica entre a sanidade dos animais e o seu benestar.
2.- Que as “cinco liberdades” mundialmente recoñecidas (vivir libre de fame, de sede e de desnutrición, libre de temor e de angustia, libre de molestias físicas e térmicas, libre de dor, de lesión e de enfermidade, e libre de manifestar un comportamento natural) son pautas que deben rexer o benestar dos animais.
3.- Que os “tres erres” mundialmente recoñecid0s (redución do número de animais, perfeccionamento dos métodos experimentais e substitución dos animais por técnicas sen animais) son pautas que deben rexer a utilización de animais pola ciencia.
4.- Que a avaliación científica do benestar dos animais abarca unha serie de elementos que deben tomarse en consideración conxuntamente e que a selección e apreciación deses elementos implica a miúdo xuízos de valor que deben ser o máis explícitos posibles. É imprescindible definir Indicadores de Benestar Animal válidos, fiables, obxectivables e prácticos, adaptados ás diferentes especies e circunstancias.
5.- Que debemos conseguir que os animais poidan expresar os comportamentos típicos da súa especie e desenvolver os seus instintos naturais esenciais. En moitos casos, será necesario adaptar a contorna ás súas condicións de vida e aloxamento, aplicando estratexias de enriquecemento ambiental.
6.- Que o emprego de animais na agricultura, a educación, a investigación, para compañía e recreo contribúe de maneira decisiva ao benestar das persoas.
7.- Que o emprego de animais leva a responsabilidade ética de velar polo seu benestar na maior medida posible.
8.- Que mellorando as condicións de vida dos animais nas explotacións auméntase a produtividade a longo prazo e obtéñense, por conseguinte, maiores rendementos e un aproveitamento máis eficiente dos recursos.
9.- Que existen evidencias científicas e técnicas de que as interaccións e relaciones home/animal melloran en todos os ámbitos cando se preserva o benestar: sanidade animal, saúde pública, zootecnia e produción, investigación, fauna silvestre, etcétera.
A OIE considera que, como ocorre coas normas relativas á sanidade animal e á inocuidade alimentaria, as normas sobre benestar animal deben basearse en principios científicos claros. Deben centrarse nos resultados que se obtiveron na especie en cuestión e sempre deben ter por obxectivo manter a saúde como base do benestar. Iso conduciu a que a Organización reforce a súa rede internacional de expertos na materia e que constitúa un Grupo de Traballo sobre Benestar Animal específico e inclúa novos centros colaboradores.
O benestar animal é un tema interdisciplinar e multidisciplinar que involucra non só a veterinarios senón tamén a economistas para vincular aspectos de mercado e produción; estatísticos para validar os traballos de investigación; sociólogos para estudar o concepto social do benestar dos animais; avogados e políticos para lexislar sobre benestar animal; enxeñeiros para crear instalacións co fin de favorecer as boas prácticas de manexo; informáticos para aplicar as novas tecnoloxías a favor do benestar (aplicacións para móbiles, tabletas, etc.); e filósofos eticistas para iluminar o home sobre que tipo de vida merecen os animais de granxa, compañía, de traballo, de zoolóxicos e de laboratorio.
A protección animal
Aínda que se adoita utilizar este termo unido ao de benestar, como sinala a OIE, trátase de conceptos diferentes xa que o benestar enténdese ligado á saúde animal e a protección abarca se cadra outros aspectos máis amplos como a loita contra o abandono e os malos tratos e niso implícanse tanto organismos gobernamentais como asociacións veterinarias e entran en xogo as diferentes ONG e sociedades protectoras de animais, que teñen un papel activo e atópanse presentes de forma moi ampla nos medios de comunicación, especialmente nas redes sociais.
Existe un termo que normalmente se asocia á protección animal que é o de “animalista”, que en ocasións esconde unha postura radical e pouco dialogante que pon moitas veces os dereitos dos animais por encima dos dereitos humanos. Os veterinarios debemos actuar con moita cautela ante este tipo de movementos xa que, como profesionais ben formados e cunha sólida base científica, debemos ser capaces de educar a poboación sobre o que é realmente o benestar animal, a protección animal e os dereitos dos animais, así como as obrigas dos propietarios, fomentando a tenencia responsable.
Que se pode facer?
Os colexios profesionais de veterinarios, as asociacións profesionais, as universidades e as autoridades competentes no benestar e protección dos animais, deben actuar conxuntamente e de maneira consensuada para desenvolver normas acordes coas desenvolvidas pola Comisión Europea e a OIE para así poder garantir que os animais teñan un adecuado nivel de benestar e estean protexidos de forma consecuente cos seus dereitos.
Débese formar aos veterinarios nos conceptos do benestar animal e protección animal e o papel tan importante que os veterinarios xogamos nestes campos.
Para iso, deben educar tanto aos propios veterinarios como aos cidadáns para que comprendan o verdadeiro significado destes termos divulgando mensaxes claras nos medios de comunicación, mediante campañas audiovisuais en TV, radio, prensa, redes sociais; participando activamente en foros nacionais e internacionais na área do benestar e a protección dos animais; e evitando, na medida do posible, entrar no debate cos sectores máis radicais do universo “animalista” xa que iso provoca desconfianza e incerteza por parte dos cidadáns.