Un traballo que evidencia aspectos ata agora ocultos da figura de Rof Codina (1874‐1967), esencial para a veterinaria española do século XX, resultou gañador da segunda edición do Premio Jesús García Calvo que convocan o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC e a Fundación Feiraco para recoñecer investigacións que contribúan ao coñecemento e ao desenvolvemento do medio rural e o cooperativismo en Galicia.
O xurado destacou do traballo ‘Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandería galega contemporánea ’, publicado en 2015 por Diego Conde Gómez en Edicións Xerais de Galicia, a singular combinación da metodoloxía histórica e a formación como veterinario do autor. Así mesmo, salientou a relevancia do estudo para comprender o pulo modernizador que a agricultura e o medio rural de Galicia experimentaron no primeiro terzo do século XX. Veterinario de profesión, Diego Conde é tamén membro da xunta de goberno do Colexio de Veterinarios da Coruña e colaborador do grupo de investigación Histagra da USC
Neste libro de Diego Conde Gómez, gañador do premio na modalidade de publicacións de resultados de investigación, faise un percorrido sobre as transformacións que durante ese período se levaron a cabo na gandaría e veterinaria galega da man do que foi un dos seus principais promotores, Juan Rof Codina, que co seu labor pedagóxico soubo canalizar as inquedanzas de renovación que agromaban no ámbito agropecuario e reivindicar o papel protagonista que a profesión veterinaria demandaba para a súa dignificación, xogando un papel protagonista no artellamento do corporativismo profesional galego.
Nesta modalidade o xurado quixo ademais destacar os méritos do traballo finalista ‘Action research for tourism planning in rural areas? Examining an experience from the Couto Mixto (Galicia, Spain) ’ presentado por Valerià Paul Carril, Juan Manuel Trillo Santamaría e Paula Pérez Costas.
Traballos universitarios
Na modalidade de tese de doutoramento o xurado premiou o estudo ‘Análisis y tipificación de explotaciones de bovino de carne en Galicia mediante un método de control basado en lógica difusa’, de Álvaro García Corral, pola orixinalidade da aplicación da lóxica difusa á caracterización dun sector de actividade agro-gandeiro, pero tamén a utilización dunha fonte de datos de carácter administrativo ata o momento de escaso uso en investigacións.
O estudo centrouse na creación dunha aplicación informática que simula o razoamento dun experto, baseándose na lóxica difusa e os conxuntos borrosos, que pode ser utilizada como ferramenta de apoio na toma de decisións. A información sectorial utilizada obtívose de explotacións acollidas aos Contratos de Explotacións Sustentables e agregada en diferentes indicadores que foron sometidos a unha análise exploratoria.
De aí fíxose unha tiìficación das explotacións en tres grupos: o primeiro agrupa unha cuarta parte das unidades produtivas, que corresponde ás menos competitivas, caracterizadas por un grao de profesionalización moi baixo, unha baixa rendibilidade e dependencia de apoio público; o segundo, composto por un terzo delas, apenas alcanza viabilidade económica; e o terceiro, que concentra o 43 %, está formado por explotacións que poden competir por consumos intermedios con outras unidades produtivas, soportar o custo laboral dun traballador a tempo completo e ser a actividade principal na renda familiar.
Xa na modalidade de traballos de fin de grado ou mestrado conseguiu o premio o asinado por Diego Fernando Avendaño Cantor titulado ‘Programas agroambientales e impacto territorial en la provincia de Lugo-Galicia’, que ofrece unha avaliación expost dun instrumento de política agraria como son os programas agroambientais usando información orixinal procedente das explotacións sometidas a un Contrato de Explotación Sustentable. Aínda que o seu ámbito é limitado, o método permitiría a súa extensión ao conxunto de Galicia.
Ademais, o xurado quere destacar os méritos do traballo finalista, ‘Formas de resistencia ao franquismo: o caso do estraperlo en Tomiño’, presentado por Natalia Jorge Pereira.
Xurado
O tribunal avaliador estivo composto polo reitor Juan Viaño; o presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez; o director do Idega, Xoaquín Fernández Leiceaga; José Luis Antuña Alvarez, en representación da Fundación Feiraco; os docentes da USC María Loureiro García, Carlos Ferrás Sexto, Francisco Sineiro García e Edelmiro López Iglesias, os tres últimos en calidade de expertos de recoñecido prestixio no campo do desenvolvemento rural e o cooperativismo en Galicia