O Consello Xeral de Colexios Veterinarios promove unha nova campaña de difusión da profesión ao conxunto da sociedade.
O Consello Xeral de Colexios Veterinarios iniciou esta semana unha nova campaña de difusión da profesión dirixida ao conxunto da sociedade a través da radio e a televisión. A campaña en emisoras de radio de ámbito nacional, como son a COPE, Onda Cero e a Cadena SER, incide na saúde e o benestar animal como idea motriz da profesión veterinaria.
Emitiranse dúas cuñas distintas duns vinte segundos de duración. Nunha delas ponse de manifesto como o traballo dos veterinarios tratando de evitar que os animais sufran e transmitan enfermidades é tamén unha achega transcendente da profesión ao benestar da sociedade.
Na outra cuña incídese de maneira particular no benestar que os veterinarios procuran ás mascotas, que integran de maneira crecente os núcleos familiares da nosa sociedade e cuxa saúde reverte de maneira directa no benestar das persoas.
Os textos das cuñas son os seguintes:
Cuña número 1
O noso obxectivo é a saúde e o benestar animal.
O home convive na Terra con miles de especies animais, cuxa saúde e benestar tamén son os nosos.
Por iso, os veterinarios traballamos, con coñecemento e dedicación, para evitar que sufran e transmitan enfermidades.
É a nosa maneira de velar pola saúde das persoas.
Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España
Cuña número 2
Traballamos no campo e na cidade.
Velamos para que os animais nos proporcionen alimentos seguros.
Combatemos as súas enfermidades.
Coidamos, co respecto que se merecen, das mascotas que forman parte da nosa vida.
Procuramos o benestar dos animais.
Protexendo a súa saúde protexemos a dos teus.
Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España
Para escoitar as cuñas, pulsar aquí.
Campaña en televisión
A Organización Colexial Veterinaria reiterará en televisión a mensaxe sobre a profesión que se ofreceu na pasada campaña. No anuncio televisivo informábase á sociedade sobre a complexidade da profesión veterinaria e a súa afección directa no ámbito social. Aparecían reflectidas no seu desenvolvemento catro actuacións básicas profesionais: a sanidade do gando, o control dos alimentos que as familias toman a diario, o benestar e a saúde das mascotas que comparten a nosa vida, e a investigación e tratamento das enfermidades que transmiten os animais ás persoas. E todo iso cun lema indeleble para a profesión: “Coidando os animais protexemos ás persoas”.
Na campaña que agora se inicia emitirase o mesmo anuncio e na mesma cadea, Atresmedia.
A programación da actual campaña audiovisual e radiofónica está previsto que se prolongue ao longo dun mes, ata mediados de decembro.