Regulaméntase a apertura e uso de cemiterios de mascotas

mascotas-cemiterioA Xunta autorizará, cumprindo unha serie de requisitos, o enterramento de cadáveres de animais de compañía en predios privados, eliminando a obriga de trasladalos a un centro de destrución autorizado. Ademais, regulará a prestación deste tipo de servizos por parte de terceiros, co que se permitirá o funcionamento de cemiterios de mascotas, aspectos ata o de agora recollidos pola normativa europea pero non desenvolvidos na lexislación autonómica.

Estas cuestións recóllense nun novo decreto aprobado polo Consello do Goberno galego este xoves 9 de xuño, e que regulará de xeito máis racional e rendible a xestión dos subprodutos animais non destinados ao consumo humano na nosa comunidade.

O decreto regula a eliminación destes subprodutos (chamados tecnicamente sandach) en determinadas explotacións gandeiras e de animais de compañía, sempre sen menoscabo da protección da saúde pública, a sanidade animal e o ambiente.

Así, regúlanse fundamentalmente catro aspectos. En primeiro lugar, a eliminación mediante enterramento dos cabalos mortos nas explotacións equinas. En segundo termo, a eliminación, mediante degradación in situ, de cadáveres de animais equinos explotados en liberdade mortos nos pastos. En terceiro lugar, a eliminación mediante enterramento das abellas mortas e outros subprodutos animais non destinados ao consumo humano da apicultura e, por último, o enterramento dos cadáveres de animais de compañía.

Deste xeito, no eido da produción gandeira, en explotacións equinas e apícolas autorízanse unhas prácticas máis racionais de eliminación mediante enterramento de cadáveres e subprodutos animais non destinados ao consumo humano; mesmo no caso de animais que morren nos pastos de explotacións equinas extensivas en liberdade, autorízase a súa degradación in situ.

Por outra banda, establécese a posibilidade de dar aos cadáveres dos animais de compañía un tratamento acorde cos lazos afectivos que moitos donos establecen con eles mesmos, regulando o seu enterramento, ben directamente polas persoas propietarias ou ben por terceiros.

Seguridade alimentaria
Os subprodutos animais non destinados ao consumo humano representan un risco potencial para a sanidade animal, a saúde pública e o medio ambiente. Por mor de diversas alertas alimentarias, principalmente da chamada crise das vacas tolas, a Unión Europea dotouse dunha lexislación en materia de seguridade alimentaria baseada principalmente en evitar o desvío destes subprodutos á cadea alimentaria humana ou animal. O que se fai agora con este decreto é desenvolver esta normativa europea no eido autonómico.

Ademais, considérase que a eliminación dos cadáveres de cabalos e abellas e dos subprodutos da apicultura non destinados ao consumo humano mediante o seu enterramento controlado pode contribuír a incrementar a eficiencia das explotacións, ao exonerar aos seus titulares de ter que transportalos aos correspondentes establecementos de eliminación.

Explotacións porcinas
Por outra parte, este decreto definirá con claridade o concepto de núcleo urbano para os efectos de determinar a distancia sanitaria das explotacións porcinas aos núcleos de poboación. A normativa sectorial de porcino establece a necesidade de gardar unha distancia de 1.000 metros en relación cos núcleos urbanos. Porén, este termo non está definido na dita normativa, xurdindo problemas para a súa aplicación.
Dada a gran dispersión de vivendas existente no medio rural galego, precísase concretar o termo, de xeito que esas distancias se cumpran respecto a entidades de poboación de certa importancia, cumpríndose no resto dos casos o establecido na Lei do solo de Galicia. Determínase así que núcleo urbano corresponde –para estes efectos sanitarios– a un núcleo habitado por, cando menos, cen persoas.

Deste xeito quedará regulado o contido exacto do termo, facilitando unha maior protección e seguridade xurídica tanto aos concellos como aos gandeiros que desexen iniciar a actividade no sector porcino. Garántese, ao tempo, que non existe risco para a saúde das persoas cunha concreción normativa que, en todo caso, ten efectos unicamente no ámbito sanitario e non atinxe nin a normativa ambiental nin a urbanística.

Fonte: Xunta de Galicia