Recomendacións da IV Conferencia Global de Educación Veterinaria

Lista de propostas ás autoridades veterinarias dos países membros e á propia Organización Internacional para a Saúde Animal.

En Bangkok reuníronse durante tres días do pasado mes de xuño os delegados nacionais da Organización Internacional para a Saúde Animal (OIE) e outros representantes de gobernos nacionais, decanos de establecementos de educación veterinaria (EEV), representantes de organismos veterinarios estatutarios, organizacións internacionais e nacionais do sector público e privado e expertos, representantes das institucións encargadas da acreditación de EEV, e representantes de organizacións de paraprofesionais de Veterinaria.

Durante as sesións de traballo trataron os retos sanitarios da actualidade e futuros que é fundamental mitigar, que non só son as ameazas relacionadas coa aparición de novas enfermidades animais ou a reemerxencia de enfermidades xa existentes, senón tamén os consecuentes efectos económicos e sociais.

Froito desas reunións son as seguintes recomendacións:

Ás autoridades veterinarias dos países membros:

1.- Seguir alentando os seus establecementos de ensino veterinario para que introduzan as competencias mínimas que se esperan dos veterinarios recentemente licenciados e o plan de estudos básico de formación veterinaria e fagan o seguimento da devandita introdución a través dunha avaliación de resultados, en colaboración coas autoridades administrativas de educación e os organismos veterinarios estatutarios;

2.- Animar os establecementos de ensino veterinario a actualizar periodicamente o contido do seu plan de estudos, incluíndo a adopción de educación interdisciplinaria, co fin de reflectir non só a información científica e os adiantos técnicos, senón tamén responder as expectativas da sociedade, nun contexto de comunicación coas partes interesadas, entre elas as autoridades veterinarias.

3.- Animar os establecementos de Educación Veterinaria a continuar promovendo os seus currículos a través de variados mecanismos de cooperación rexional e proxectos de irmandamentos da OIE.

4.- Instar os establecementos de ensino veterinario a estudar e avaliar métodos de ensino innovadores, entre eles os que se aplican a outras disciplinas científicas, considerar unha formación común con outros profesionais para motivar a colaboración na futura vida profesional dos estudantes e adoptar as mellores prácticas educativas no seu currículo de formación veterinaria e educar os educadores para asegurarse que estes esforzos son verdadeiramente efectivos para os estudantes.

5.- Garantir que existan mecanismos eficaces para ofrecer un acceso directo, e unha avaliación da formación continua, incluíndo os materiais en liña para educación, da profesión veterinaria, a partir dunha estreita colaboración entre establecementos de ensino veterinario, autoridades veterinarias, organismos veterinarios estatutarios e asociacións veterinarias

6.- Manter unha ampla comprensión das funcións e responsabilidades dos veterinarios e paraprofesionais de Veterinaria nos servizos veterinarios nacionais e das oportunidades de formación profesional

7.- Asegurar que os organismos veterinarios estatutarios establecidos son adecuados coa definición da OIE, sinalando a súa importante función no rexistro ou licenza dos veterinarios e dos paraprofesionais de Veterinaria impoñan requisitos mínimos de formación continua como condición para renovar a licenza de veterinarios e dos paraprofesionais de Veterinaria.

8.- Desenvolver ou modernizar a súa lexislación veterinaria, na medida do necesario, para que se regulamente a práctica de veterinarios e paraprofesionais de Veterinaria de conformidade coas normas da OIE e se garanta que a lexislación teña en conta as súas responsabilidades.

Os participantes tamén recomendan:

Á OIE:

1.- Seguir apoiando os países membros para mellorar a calidade da profesión veterinaria a través do Proceso PVS, en especial do Programa de apoio á lexislación veterinaria, os programas de irmandamento na área do ensino veterinario e o respaldo aos organismos veterinarios estatutarios.

2.- Solicitarlles aos doantes que continúen apoiando financeiramente as actividades do Proceso PVS e os programas de irmandamento a longo prazo e de maneira durable.

3.- Proseguir os seus esforzos para manter informados os países e aos establecementos de ensino veterinario sobre os adiantos alcanzados na mellora e harmonización da educación veterinaria a escala rexional e mundial, incluíndo a publicación actualizada da lista mundial da OIE de establecementos de ensino veterinario.

4.- Contemplar o desenvolvemento de mecanismos ou medios diferentes ao programa de irmandamento destinados aos establecementos de ensino veterinario para unha mellor incorporación das competencias mínimas e do plan de estudos básicos no seu currículo.

5.- Continuar avogando pola aplicación dunha avaliación baseada nos resultados para determinar a eficacia da mellora dos plans estudos realizados por Establecementos de Educación Veterinaria como resultado da incorporación das Competencia do Día 1 da OIE e as Directrices da OIE para o Plan de Estudos Básico de Formación Veterinaria.

6.- Considerar ampliar o seu traballo sobre a calidade dos servizos veterinarios co fin de dar unha mellor cobertura ao traballo dos paraprofesionais de Veterinaria nos servizos veterinarios, identificando competencias mínimas para as diversas categorías de paraprofesionais de Veterinaria e desenvolver directrices sobre un plan básico de formación.

A todas as partes, incluíndo os países membros, á OIE, ás asociacións nacionais de veterinaria, aos establecementos de ensino veterinario e aos organismos veterinarios estatutarios: promover a achega da profesión veterinaria á sociedade.
O informe completo