Témese logo da estrea deste filme un indesexado “efecto Nemo”.
Máis do 90% de todas as especies mariñas que acaban en acuarios e tendas de animais son capturadas en estado salvaxe. Segundo os científicos, uns 45 países abastecéronse de máis de 30 millóns de individuos. Máis do 60% deles son capturados en augas indonesias e filipinas, e Estados Unidos é o maior importador de especies ornamentais. Representa o 80% do comercio global, seguido de Europa e Xapón.
Entre a multitude de especies que forman este negocio atópase o peixe pallaso Amphiprion ocellaris, coñecido tamén como Nemo, tras protagonizar a película que Disney-Pixar estreou en 2003. Á perda de hábitat debido ao quecemento global, que provoca un declive dos arrecifes de coral, únense as capturas descontroladas deste peixe. Cada ano máis dun millón de exemplares da familia dos peixes pallasos é atrapado para o comercio de acuarios.
“As poboacións de peixes de arrecife xa están a loitar debido ao aumento das temperaturas no mar e á acidificación do océano causados polo quecemento global. O último que necesitan é que os arrinquen do seu fogar natural», denuncia Carmen da Silva, investigadora na Universidade de Queensland (Australia) e coordinadora do proxecto Saving Nemo Conservation Fund nesta cidade.
O equipo desta organización sen ánimo de lucro propón abastecer as tendas con peixes criados en catividade para protexer os exemplares salvaxes, educar os consumidores e desenvolver unha investigación centrada na conservación. O grupo pretende asegurar que Nemo se atope exactamente onde debe estar: nas anemones de mar dos arrecifes de coral.
“As especies de peixes pallaso son moi doadas de criar en catividade e as femias poñen moitos ovos dunha vez, polo que realmente non existen razóns para seguir atrapándoos en estado salvaxe. Ademais, estes exemplares criados en catividade atópanse mellor nos acuarios que os que son capturados nos arrecifes”, asegura Karen Burke da Silva, membro do proxecto e científica na Universidade Flinders ao sur de Australia.
Desde hai cinco anos, o equipo está a criar 7 especies das 28 que existen de peces pallaso para vender peixes “sustentables” a acuarios locais.
O perigo ao que se enfronta Dory
Con todo, os científicos móstranse agora preocupados pola situación do peixe cirurxián regal ou azul (Paracanthurus hepatus), de cor azul índigo e ata 31 centímetros de lonxitude, encarnado polo personaxe de Dory que é protagonista da secuela ‘Buscando a Dory’. A estrea en pantalla grande foi este 22 de xuño.
“A xente namorouse dos adorables personaxes da primeira película e quixo telos como mascotas nas súas casas, en lugar de facer caso á mensaxe conservacionista: deixar a Nemo no lugar ao que pertence, o océano”, recalca Burke para quen a película podería provocar un rexurdimento de especies ornamentais, esta vez de Dory, roubadas dos arrecifes.
Esta especie, ademais das ameazas naturais ás que se enfronta como a fragmentación severa do seu hábitat, era en 2002 a oitava especie máis comercializada no mundo, segundo o Global Marine Aquarium Database.
Aínda que na Lista Vermella de Especies Ameazadas da Unión Internacional para a Conservación da Natureza consta dunha “preocupación menor”, entre 1997 e 2002, antes da estrea da primeira película, xa se capturaron 74.557 individuos. Agora calcúlase que cada ano atrápanse uns 400.000 peixes cirurxián regal.
Ademais, contrariamente a Nemo, os peixes como Dory tardan moito tempo, cerca de dous anos, en alcanzar a madurez sexual e na actualidade a súa cría en catividade non é posible, anuncian desde a Saving Nemo Conservation Fund. “Por tanto, se ves un peixe cirurxián regal nun acuario ou nunha tenda é que foi capturado do seu fogar na natureza”, conclúen desde a fundación.