A iniciativa reúne información diversa arredor deste concepto e das actividades levadas a cabo nesa liña pola OIE e os seus asociados a nivel mundial.
O obxectivo desta plataforma da Organización Mundial da Sanidade Animal (OIE) é controlar os riscos santiarios planetarios e facilitar a cooperación entre os sectores da saúde humana e a sanidade animal.
Este concepto de ‘Unha soa saúde’ foi introducido a comezos da década de 2000, e resume en poucas palabras a certeza de que a saúde humana e a sanidade animal son interdependentes e están vinculadas aos ecosistemas nos que coexisten.
As enfermidades de orixe animal que poden afectar tamén o home, como a influenza aviaria, a rabia, a febre do val do Rift ou mesmo a brucelose, supoñen riscos para a saúde pública a nivel mundial. Outras enfermidades, que se transmiten basicamente entre persoas, circulan nos animais ou teñen un reservorio animal coñecido e poden causar graves crises sanitarias, como se comprobou recentemente coa epidemia polo virus do Ébola. Estes riscos acentúanse coa globalización, o cambio climático e as modificacións dos comportamentos humanos, que lles brindan aos axentes patóxenos moitas oportunidades de colonizar territorios non habituais e de evolucionar cara a novas formas.
Estratexia de colaboración mundial
A OIE contempla e aplica este concepto en forma de estratexia de colaboración mundial para afrontar o conxunto dos riscos para a saúde humana, a sanidade animal e a saúde ambiental. Así, recorre non só ás normas internacionais que publica e á información mundial sobre a sanidade animal que recompila, senón tamén á súa rede internacional de expertos e aos seus programas de reforzo das capacidades dos servizos veterinarios nacionais. Así mesmo, colabora de forma concertada con máis de 70 organizacións internacionais, en especial con aquelas que desempeñan un papel chave na interface home-animal-medioambiente.
Este novo portal web reúne as ferramentas que a OIE creou para encarar mellor os riscos sanitarios a nivel mundial e presenta as actividades que levan a cabo en coordinación cos organismos asociados da OIE, sobre todo no marco da Alianza Tripartita coa OMS e a FAO, así como os instrumentos que se poñen a disposición dos profesionais que traballan no terreo para asegurar a colaboración entre os servizos de saúde humana e de sanidade animal. Unha páxina dedícase aos instrumentos de comunicación da OIE, adaptados a públicos de distintos tipos, con fichas informativas, vídeos, notas de prensa e distintos acontecementos relacionados con este tema.