Cara ao obxectivo de que en 2030 deixe de haber mortes en seres humanos causadas por esta enfermidade.
Este 28 de setembro celébrase o Día Mundial contra a Rabia, unha enfermidade que causa cada ano en todo o mundo máis de 50.000 mortes de persoas contaxiadas polo virus. Os datos da Asociación Mundial Veterinaria apuntan que o 95 por cento das mortes que se producen ao ano débese ao contacto con cans infectados polo virus e a maioría das vítimas son nenos.
A Alianza Global da Loita contra a Rabia, que impulsa a celebración deste día co apoio de asociacións veterinarias, institucións e particulares de todo o mundo, marcouse como obxectivo reducir a cero en 2030 as mortes causadas por esta enfermidade nos seres humanos. A Organización Colexial Veterinaria súmase a esta décima edición do Día Mundial da Loita contra a Rabia con accións de comunicación pública encamiñadas a lembrarlles aos propietarios de cans, gatos e furóns a conveniencia e a obriga, na maior parte dos casos, de vacinalos contra esta enfermidade.
A Alianza Mundial de Loita contra a Rabia é unha organización non gobernamental creada co obxectivo de previr a rabia en humanos e paliar as implicacións que leva a enfermidade noutros animais, especialmente cans. Xa que a rabia afecta tanto a animais como a humanos, a asociación recomenda un esforzo colaborativo entre os sectores de saúde e benestar animal e os servizos sanitarios para abordar os desafíos da rabia. Para desenvolver esta estratexia o colectivo colabora con gobernos, comunidades, médicos e veterinarios, así como expertos na saúde pública e a educación. Na web da Asociación pode atoparse ampla información e materiais divulgativos para libre descarga.