Traballo do LREC do Campus Terra da USC en colaboración con CZ Veterinaria.
O Laboratorio de Referencia de Escherichia coli (E.coli), con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, vén de desenvolver en colaboración coa empresa CZ Veterinaria unha nova vacina para previr as diarreas en leitóns que son provocadas por cepas da bacteria E.coli pertencentes a clons específicos e por Clostridium perfringens tipo C.
A vacina Entericolix©, comercializada en Europa pola multinacional alemá líder no sector porcino Boehringer Ingelheim Animal Health, contén cinco cepas de E.coli inactivas que pertencen a clons enteropatóxenos con alto grao de éxito e amplamente difundidos a nivel mundial que expresan distintos antíxenos nas súas adhesinas.
Esta nova vacina, que é o resultado de catro anos de intensas investigacións realizadas de xeito conxunto entre os investigadores do Laboratorio de Referencia E.coli da USC e do departamento de I+D da empresa CZ Veterinaria, con sede no Porriño (Pontevedra), inclúe ademais na súa composición un toxoide de Clostridium perfringens tipo C e un adxuvante oleoso para potenciar o poder inmunizante dos antíxenos.
A especie de destino da Entericolix© é o porcino e debe administrarse por vía intramuscular as nais xestantes sete e catro semanas antes do parto. A citada vacina induce a formación de grande cantidade de anticorpos que chegan ás crías nadas (leitóns) especialmente cando maman os costros (leite maternal que inxiren durante as primeiras 24 horas de vida). Estes anticorpos bloquean as adhesinas das E. coli e impiden que se poidan adherir as bacterias e colonizar así o epitelio intestinal para logo ser eliminadas nas feces sen causar diarrea, segundo explica o catedrático da USC Jorge Blanco.
O director do LREC da USC, o grupo de investigación que desenvolveu e deseñou a Entericolix©, afirma asemade que dado que na actualidade a maioría das cepas de E.coli enteropatóxenas porcinas son multirresistentes a antibióticos, a única forma eficaz para loitar contra as colibaciloses porcinas é o emprego de vacinas.
Blanco explicou asemade que ademais de previr diarreas en leitóns provocadas por cepas de E.coli, a Entericolix© é unha vacina que tamén se pode empregar para previr a enfermidade dos edemas que afectan especialmente aos ranchiños logo de destetalos e tamén fronte a enterite necrótica.