A falta de ventilación natural e a concentración de cubículos nas ganderías de vacún de leite condicionan a hixiene dos animais

A tese presentada en Veterinaria por Yolanda Trillo e dirixida por Luis Ángel Quintela, Mónica Barrio e Noelia Silva avalía indicadores de benestar en 73 explotacións galegas.

A elevada concentración de cubículos e cornadizas, a escasa ventilación natural e e o pouco espazo frontal libre de que dispoñen as reses fronte ao cubículo, o que favorece posturas en diagonal e deposicións nas camas, son algunhas das características das explotacións galegas de vacún de leite que repercuten de xeito negativo tanto a nivel de hixiene como no grao de benestar dos animais, segundo conclúe a tese de doutoramento que vén de presentar a compostelá Yolanda Trillo Dono na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC baixo o título ‘Descrición dos parámetros de benestar animal e manexo alimentario nas ganderías de vacún de leite’.

A investigación de doutoramento desenvolvida por esta veterinaria compostelá e dirixida polos profesores da USC Luis Ángel Quintela Arias e Mónica Barrio López, e pola docente da Universidade de California Noelia Silva del Río, acomete unha descrición dos indicadores que cuantifican o benestar nas explotacións de gando vacún, uns parámetros entre os que se inclúen tanto os referidos ao estado dos animais (condición corporal, lesións de corvejón, podoloxía e hixiene dos animais), así como aqueles que atinxen ás medidas sobre as instalacións e ás prácticas de manexo.

Trillo Dono desenvolveu dous estudos parciais no marco da súa investigación de doutoramento, un no que participaron 73 explotacións galegas de vacún de leite, nas que esta veterinaria analizou todos os parámetros empregados para cuantificar o grao de benestar dos animais, agás os específicos do manexo alimentario, un cometido que se completou coa análise dos datos recollidos en 26 ganderías de California.

Unha vez avaliada e comparada toda a información acadada nos seus estudos de campo e tras sinalar algúns dos puntos críticos advertidos nas explotacións galegas de vacún de leite que teñen incidencia na hixiene dos animais, a investigación de doutoramento desenvolvida por Trillo Dono conclúe que os errores de pesada dos ingredientes relativizan a importancia na interpretación dos resultados proporcionados polo software de manexo alimentario. Asemade, esta investigadora advirte de que o curto tempo entre ingredientes permitiu detectar enganos na carga dos mesmos.

Os resultados e as conclusións obtidas por Yolanda Trillo Dono no marco da súa investigación de doutoramento, así como aquela información relativa a manexo de ganderías e manexo de persoal están a disposición de todos os axentes e traballadores do sector gandeiro, así como ao resto de persoas interesadas, na páxina web www.lideresenbienestar.com, creada pola autora da tese.

Tribunal de tese e cualificación
A profesora do Departamento de Bioloxía Celular, Fisioloxía e Inmunoloxía da Facultade de Veterinaria da Universidade de Córdoba Estrella Agüera Buendía presidiu o tribunal encargado de avaliar a investigación de doutoramento realizada por Yolanda Trillo. O profesor do Departamento de Ciencias Agronómicas e Veterinarias da Escola Superior Agraria do Instituto Politécnico de Viana do Castelo Joaquim Orlando Lima Cerqueira e o profesor do Departamento de Patoloxía Animal da USC Pedro García Herradón completaron a nómina de membros dun tribunal que cualificou a tese con sobresaínte cum laude, ao tempo que lle concedeu a mención internacional á súa autora.e