Numerosos estudos científicos demostraron a habilidade dos cans para entender os humanos, pero a súa intelixencia vai máis aló. Agora un novo experimento revela que cans e humanos compartimos certas habilidades mentais. Segundo un estudo húngaro, a través dunha serie de adestramentos, as mascotas poden lembrar e imitar as nosas accións, pero a súa memoria decae antes que a nosa.
As persoas temos unha incrible habilidade para lembrar cousas do pasado, mesmo cando é algo de pouca ou nula importancia. Evocar o que ceamos no Nadal pasado ou aquel chiste que contou un amigo hai tres meses forma parte dos procesos da memoria episódica.
Un estudo publicado en Current Biology, realizado por investigadores do departamento de Etoloxía da Universidade Eötvös Loránd en Hungría, revela que os cans posúen unha memoria similar á episódica dos humanos.
“Os resultados poden considerarse como un paso máis para derrubar as barreiras entre animais non humanos e humanos”, explica a Sinc Claudia Fugazza. “Témolos por listos, pero aínda nos sorprenden as investigacións que demostran que compartimos algunhas habilidades mentais, a pesar dunha evolución moi diferente”, engade.
A memoria episódica humana refírese á evocación, de forma explícita, de sucesos autobiográficos. O termo foi acuñado en 1972 por Endel Tulving, quen estableceu a diferenza entre memoria semántica (saber) e episódica (lembrar). A primeira é máis factual, mentres que a segunda é un sentimento ou sensación que traemos do noso pasado.
En animais, a denominación «memoria similar a episódica» refírese á habilidade de codificar e obter información “que, cando e onde” sobre un feito determinado. O cualificativo débese a que non existe evidencia fiable que demostre conciencia nesta forma de rememorar.
En estudos anteriores, Fugazza e os seus compañeiros descubriron que os cans podían imitar accións humanas, mesmo despois de 24 horas de presencialas. A única condición fundamental era darlles unha orde previa. Deste xeito, demostrouse que os cans posúen unha memoria semántica que implica a preparación dunha resposta, á vez que se codifica a mensaxe (a orde).
Respecto de se a memoria episódica existe realmente en animais, non é tan simple como preguntarlle ao animal que lembra. Os investigadores aproveitaron un truco de imitación para que os cans, ao ver unha persoa facer algo, que o imitasen eles mesmos. Así, se o dono saltaba, o can imitáballe ao executar a orde.
Experimentos para recoñecer as accións
Os científicos adestraron 17 cans de diferentes razas que tiveron que repetir accións humanas co truco de imitación, por exemplo tocar un paraugas. Posteriormente, fíxose outra rolda de adestramento para que os cans se botasen ao chan ao ver a acción, sen importar cal fose. Ambas as probas repetíronse en intervalos dun minuto e unha hora.
Con todo, como este adestramento por si só non é proba concluínte dunha memoria episódica canina, os investigadores debían probar que os cans lembran o que lle viron facer a unha persoa, mesmo cando non esperan atención ou recompensas. Para iso, engadíuselle á orde previa un elemento sorpresa para ver como reaccionaban os animais.
«Nestas probas de imitación inesperadas, os cans deitáronse espontaneamente primeiro, á espera da orde. Cando o dono daba de maneira inesperada a orde de imitación, os cans imitaron a acción demostrada previamente. Pero a súa memoria declinou rapidamente (é dicir, menos cans imitaban) canto maior foi o intervalo de tempo», recalca a Sinc a experta.
O experimento demostra así que as mascotas lembran o que lle ven á persoa facer, aínda que non teñan motivo aparente para lembralo. Con todo, a súa memoria mingua conforme aumentan os intervalos de tempo.
Para os científicos, esta estratexia é adaptable e pode usarse para un amplo abanico de especies. A investigación permitiría entender a mente dos animais, e como procesan as súas propias accións e as da súa contorna.
“Desde unha perspectiva evolutiva, este experimento demostra que a memoria episódica non é única nin evolucionou só en primates, senón que está máis estendida no reino animal”, conclúe Fugazza.
VÍDEO
Referencia bibliográfica:
C. Fugazza et al.: «Recall of Others’ Actions after Incidental Encoding Reveals Episodic-like Memory in Dogs». Current Biology 23 de noviembre de 2016.
Fonte: Portal Educativo Botóns, vía SINC