O Parlamento Europeo advirte contra o tráfico de especies

«Os Estados da UE comparten a responsabilidade de facerlle fronte a este reto e combater este delito organizado e destrutivo que está a desestabilizar tantas partes do mundo», sinalou a responsable desta negociación na Eurocámara, Catherine Bearder.

O tráfico de especies silvestres ameaza a supervivencia de numerosas especies de fauna e flora tan emblemáticas como os elefantes, os tigres, os réptiles, as quenllas, a madeira tropical, os corais… O que ademais deteriora a biodiversidade e ameaza o funcionamento equilibrado dos ecosistemas.

Nos últimos anos, o tráfico de especies silvestres alcanzou niveis sen precedentes, e aumentou a demanda por estas especies e por produtos derivados das mesmas. A delincuencia organizada móstrase cada vez máis activa nesta actividade, na que o risco de ser capturado é tan baixo como elevados son os beneficios. Ademais, trátase dunha fonte de financiamento de forzas paramilitares e organizacións terroristas.

A Unión Europea (UE) é un dos principais mercados aos que se destinan estes produtos, ademais dun lugar de tránsito destas mercadorías con rumbo a outras zonas. E, no caso de certas especies, Europa é a fonte da que se nutre este tráfico.

A comisión do Parlamento Europeo de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria adoptou o 13 de outubro de 2016 un informe de propia iniciativa, redactado pola eurodeputada liberal británica Catherine Bearder, sobre o plan de acción da UE contra o tráfico de especies silvestres posto en marcha pola Comisión Europea a principios deste ano. A aplicación deste plan de acción a cargo da Unión Europea e os seus Estados está prevista ata o ano 2020.

O pleno debateu o informe e votou a favor de pedirlle aos países socios da UE que actúen fronte a esta situación. A resolución foi aprobada por 567 votos favor fronte a 5 en contra e 39 abstencións.

Tráfico de mascotas
A comezos de ano, o Parlamento Europeo xa aprobara tamén unha resolución non vinculante coa que a Cámara pide á Comisión que se asegure de que todos os Estados membros contan con bases de datos compatibles de cans e gatos e que considere amplialas a outros animais de compañía. Os eurodeputados cren que a esixencia de rexistrar ás mascotas, sumado ao intercambio de información a nivel comunitario, reduciría a falsificación de documentos, axudaría a loitar contra o comercio ilegal e os malos tratos de animais e permitiría detectar a orixe de enfermidades.

Moitos Estados membros xa teñen sistemas obrigatorios de identificación e rexistro de mascotas, pero non todos inclúen a mesma información ou os mesmos animais, sinala o texto. Todas as bases de datos deberían ser compatibles, en opinión do Parlamento, que lembra que os datos persoais dos propietarios e vendedores dos animais deben protexerse.

Combater o comercio ilegal de mascotas e animais salvaxes

A Cámara quere que a Comisión tome medidas efectivas contra o tráfico de animais de compañía e de animais salvaxes que acaban convertidos en mascotas.

Os animais que son obxecto de comercio ilegal son a miúdo criados sen garantías, maltratados e en risco de contraer enfermidades, engade a resolución, que subliña que o 70% das enfermidades aparecidas nas últimas décadas en humanos teñen a súa orixe en animais.