Que sabemos da febre hemorráxica de Crimea-Congo?

A comezos deste mes de setembro informábase de dous casos de febre hemorráxica de Crimea-Congo. Un home falecido e unha enfermeira na UCI. Estes eran os datos confirmados pola Consellería de Sanidade da Comunidad de Madrid tras recibir por parte do Centro Nacional de Microbiología os resultados das analíticas dos dous pacientes.

O virus da febre hemorráxica de Crimea-Congo (FHCC) causa brotes graves de febre hemorráxica viral. O FHCC é bastante descoñecido en España, aínda que é endémico nos países situados por baixo dos 50º de latitude norte de África, os Balcáns, Oriente Medio e Asia.

Como chegou a España?

Entre os seus hóspedes figuran unha ampla variedade de animais salvaxes e domésticos como vacas, ovellas e cabras. Moitas aves son resistentes á infección, pero os avestruces son vulnerables e foron identificados como a orixe de casos humanos.

Os animais inféctanse pola picadura de carrachas infectadas e o virus permanece no torrente circulatorio durante aproximadamente unha semana tras a infección, de modo que, cando outra pica o animal, perpetúase o ciclo carracha-animal-carracha.

Aínda que hai varios xéneros de carracha que poden verse infectados polo virus da FHCC, Hyalomma constitúe o vector principal.

De feito, o home falecido explicou que foi picado por unha carracha mentres paseaba polo campo cando foi ingresado no hospital.

Transmisión a humanos

O virus da FHCC transmítese ás persoas xa sexa pola picadura de carrachas ou por contacto co sangue ou tecidos de animais infectados durante ou inmediatamente despois da matanza. A maioría dos casos déronse en persoas relacionadas coa industria gandeira, como traballadores agrícolas, traballadores de matadoiros e veterinarios.

Pode haber transmisión entre seres humanos en casos de contacto estreito con sangue, secrecións, órganos ou outros líquidos corporais de persoas infectadas.

Tamén se producen infeccións nosocomiais como consecuencia da mala esterilización do equipo médico, a reutilización de agullas e a contaminación das subministracións médicas.

A duración do período de incubación depende do modo de contaxio do virus. Despois da picadura de carracha, a fase de incubación é xeralmente dun a tres días, cun máximo de nove días. O período de incubación logo do contacto con sangue ou tecidos infectados é de cinco ou seis días, cun máximo documentado de 13 días.

Síntomas e letalidade

Os síntomas comezan de forma súbita, en forma de febre, mialxia (dor muscular), mareo, dor e rixidez de pescozo, lumbago, cefalea, irritación dos ollos e fotofobia (hipersensibilidade á luz).

Pode haber náuseas, vómitos, diarrea, dor abdominal e dor de garganta ao principio, seguidos de bruscos cambios de humor e confusión.

Ao cabo de dous a catro días, a axitación pode dar paso a somnolencia, depresión e debilidade, e pode aparecer dor abdominal no cuadrante superior dereito, con agrandamento do fígado detectable.

Outros signos clínicos posibles son taquicardia (aumento do ritmo cardíaco), adenopatías (inflamación dos ganglios linfáticos) e erupción petequial (erupción por hemorraxia cutánea) en mucosas internas, por exemplo na boca e a garganta, e na pel.

As petequias poden dar paso a erupcións máis grandes chamadas equimoses, así como a outros fenómenos hemorráxicos.

A taxa de mortalidade asociada é de aproximadamente un 30%, e a morte sobrevén durante a segunda semana. Entre os pacientes que se recuperan, a melloría comeza xeralmente ao noveno ou décimo día tras a aparición da enfermidade.

Sen vacina en animais

Non se dispón de vacinas para os animais, polo que o tratamento xeral contra os síntomas é a principal opción ante eses casos. Normalmente utilízase o antiviral ribavirina para tratar a infección.

Para humanos, aínda que se desenvolveu unha vacina inactivada derivada de cerebro de rato contra a FHCC, utilizada a pequena escala en Europa oriental, actualmente non hai ningunha vacina segura e eficaz amplamente dispoñible.

Redución do risco de transmisión de carrachas ao ser humano:

– usar roupa protectora (manga longa, pantalóns longos)

– usar roupa de cor clara para poder detectar facilmente as carrachas adheridas

– usar acaricidas autorizados (produtos químicos que matan as carrachas) na roupa

– aplicar repelentes autorizados na pel

– examinar regularmente a pel en busca de carrachas e eliminalas de forma segura

– controlar as infestacións por carrachas nos animais e nos cortellos e celeiros

– evitar zonas nas que abunden as carrachas, e as estacións máis activas

Redución do risco de transmisión dos animais ao home:

– usar luvas e outro tipo de roupa protectora durante a manipulación dos animais, sobre todo durante a matanza e o despezamento

– someter os animais a corentena antes de levalos ao matadoiro ou tratalos sistematicamente con praguicidas dúas semanas antes da matanza

 

Fonte: Organización Mundial da Saúde (OMS)