25 anos camiñando xuntos

Un total de 1058 cans guía traballan en toda España canda a persoas cegas.

A ONCE mantén activa a exposición itinerante “25 anos camiñando xuntos”, visitable estes días en Madrid, para celebrar o aniversario da Fundación Once do Can Guía, unha institución que na súa historia facilitou máis de 2.500 cans ás persoas cegas ou con discapacidade visual para mellorar a súa autonomía, desprazamentos e seguridade, e que converteron a estes animais nun veciño máis, á beira dos cidadáns.

Estes cans atravesan diferentes etapas (crianza, socialización, adestramento e vida diaria) que os capacitan para ser o guía dunha persoa cega. Os cans guía están capacitados para evitar obstáculos fixos e móbiles; avisar ao usuario de cruces e chanzos; buscar pasos de peóns, entradas e saídas de todo tipo de establecementos e mesmo localizar escaleiras ou paradas de autobús.

Durante este tempo foron máis de tres milleiros as familias educadoras dos futuros cans guía, que durante estes 25 anos dedicaron o seu tempo e agarimo a estes animais na súa etapa de socialización, xusto antes de formarse como guías. As razas máis utilizadas son labrador retriever, golden retriever, pastor alemán e flat coated retriever. Cabe destacar que as leis recoñecen o dereito dos usuarios para deambular e permanecer, acompañado do seu can guía, en transportes e lugares públicos ou de uso público