O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente autorizou, mediante Resolución da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios, o uso do logotipo ‘Raza Autóctona’ á Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL). Trátase da primeira raza da especie porcina que se adhire ao uso deste logotipo para revalorizar os seus produtos.
Catalogada en perigo de extinción, o seu sistema de cría é fundamentalmente en extensivo ou semi-extensivo aproveitando os recursos naturais e contribuíndo ao mantemento da biomasa vexetal. Conta cun total de 3.620 animais e 304 ganderías distribuídos na Comunidade Autónoma de Galicia.
A calidade da carne que se obtén dos animais desta raza presenta unhas características moi favorables, tanto para o seu consumo en fresco como para a preparación de produtos cárnicos. Co logotipo “raza autóctona” na etiquetaxe de produtos típicos procedentes do Porco Celta recoñécese o valor engadido que tradicionalmente caracteriza aos mesmos.
ASOPORCEL é a entidade actualmente recoñecida pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para a xestión do Libro Xenealóxico da raza porcina celta. Foi a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias a autoridade encargada da aprobación do prego de condicións, para a utilización do logotipo raza autóctona na carne e produtos cárnicos procedente desta raza.
Uso do logotipo 100% Raza Autóctona
A iniciativa do logotipo “raza autóctona” forma parte do plan de desenvolvemento do Programa Nacional de Conservación, Mellora e Fomento das razas gandeiras, que conta entre as súas prioridades estratéxicas a utilización sustentable e vías alternativas de rendibilidade para as razas e os seus produtos e as actividades de difusión e divulgación dos recursos xenéticos na sociedade.
Os responsables do uso correcto deste logotipo son as Asociacións de criadores de razas puras oficialmente recoñecidas, que son as garantes de que os animais e os produtos comercializados ao amparo deste logotipo sexan de raza autóctona.
Estas Asociacións están a solicitar de maneira voluntaria o uso do logotipo “raza autóctona”, co obxecto de diferenciar exclusivamente os produtos procedentes desas razas españolas, consolidando a confianza do consumidor e poñendo en valor a calidade dos produtos destas razas.
Coa autorización do uso do logotipo “raza autóctona” Celta xa son 34 as razas autóctonas que poden utilizar este logotipo.
O logo cedeuse a 32 asociacións de criadores e a 1 Federación de Asociacións, 13 delas recoñecidas polo MAGRAMA, 2 por Andalucía, 1 por Aragón, 2 por Castela-A Mancha, 2 por Castela e Léon, 9 por Galicia, 2 por Madrid, 1 por Illas Baleares e 1 por Estremadura.
Toda a información relacionada co logotipo “raza autóctona” Celta pódese conseguir na seguinte ligazón