O Parlamento apoiou recentemente un conxunto de medidas para previr e atallar brotes de enfermidades animais como a gripe aviaria e a febre porcina africana, transmisibles entre animais e potencialmente tamén a humanos. O texto lexislativo, que xa foi acordado formalmente cos ministros dos 28 en xuño de 2015, céntrase na prevención e deberá permitirlles aos profesionais seguir o ritmo dos avances científicos.
«A adopción da Lei de saúde animal é unha gran vitoria. Primeiro, vincula a saúde animal e o benestar e conéctaos coa saúde humana. Este vínculo directo, xunto á énfase nun uso responsable dos antibióticos, axudará a combater a crecente resistencia aos antimicrobianos. Segundo, permítelle ás autoridades e aos produtores centrarse na prevención e o control das patoloxías animais transmisibles. E terceiro, fusiona case corenta textos lexislativos nun só”, sinalou o relator, Jasenko Selimovic (ALDE, Suecia).
Prevención: mellores prácticas de cría e uso responsable dos medicamentos
As novas regras, en liña coa posición que mantén o Parlamento desde hai tempo, poñen o foco na prevención e clarifican as responsabilidades de agricultores, intermediarios comerciais, profesionais, incluídos os veterinarios, e propietarios de animais.
Os gandeiros, propietarios de animais e intermediarios estarán obrigados a aplicar os principios de boas prácticas de cría e administración prudente de medicamentos, mentres que os veterinarios encargaranse de concienciar sobre a relación entre a saúde animal e o benestar e a saúde humana, así como sobre a resistencia antimicrobiana. A Comisión, pola súa banda, comprometeuse a supervisar o uso de antibióticos animais nos Estados membros e a publicar regularmente datos comparables sobre esta cuestión
Decisións rápidas, transparentes e baseadas en datos científicos
A nova lei permítelle á Comisión tomar medidas urxentes para facer fronte a enfermidades que poidan ter un “impacto moi significativo” na saúde animal e na produción agrícola. Os eurodeputados tamén se aseguraron de que os expertos da Axencia Europea de seguridade alimentaria (EFSA) serán consultados á hora de actualizar a lista europea de enfermidades potencialmente perigosas e que as organizacións de agricultores, asociacións veterinarias e os movementos defensores dos animais son tidos en conta á hora de preparar plans de continxencia.
Mellorar o benestar animal e combater o comercio ilegal de mascotas
Todas as medidas de control de enfermidades deben ter en conta o benestar animal e evitarlles aos exemplares tratados, incluídos os animais abandonados, calquera dor, angustia ou sufrimento innecesario.
Para evitar que os animais abandonados ou vendidos ilegalmente transmitan enfermidades, os negociadores do Parlamento incluíron o rexistro obrigatorio dos criadores profesionais e vendedores e autorizaron a Comisión a pedirlle ás autoridades estatais que creen bases de datos nacionais de cans, gatos e outros animais de compañía, en caso necesario.
Próximos pasos
O proxecto de Lei de saúde animal foi adoptado sen necesidade de votación en segunda lectura, despois de ser aprobado polo Consello en decembro pasado. Tras obter o respaldo do Parlamento, o regulamento pode publicarse no Diario Oficial da UE. Entrará en vigor 20 días despois, e será de aplicación nun prazo de cinco anos.