Resultados da enquisa: prioridades formativas das colexiadas/os

En semanas pasadas solicitóuselle ás colexiadas e colexiados que cumprimentasen un cuestionario acerca das necesidades formativas. Respondeu á enquisa arredor dun 15% do total dos colexiados. Destes, un 46% foron traballadores por conta propia, un 44% traballadores por conta allea e o 10% restante desempregados. Arredor da cuarta parte das persoas que completaron a enquisa indicaron máis dun perfil profesional. A maioría referiron traballar en clínicas de pequenos animais (o 45,88%). Do resto, as porcentaxes máis significativas aparecen no referido a clínicas de grandes animais (10,59%) e alimentación animal (6,47%) e consultores veterinarios (6,47%).

Segundo os datos recibidos, as preferencias no que respecta a actividades formativas son maioritariamente de formación online (44%), sendo un 31% os que propoñen actividades semipresenciais e un 25% actividades presenciais. O sábado é o día preferido polos enquisados para a formación (35%) e mesmo os domingos son tamén lixeiramente preferidos (15%) respecto a un horario de luns a venres (12%), aínda que un 26% refire a súa preferencia por calquera día sempre que sexa pola tarde.

Preguntados sobre cal pensan que debe ser as prioridades formativas no que respecta a clínicas de pequenos animais, na parte superior da táboa atopamos o «Diagnóstico por Imaxe, RX» (11,28%) á beira da «Ecografía» (10,76%). A lista nos primeiros postos complétana «Dermatoloxía», «Oftalmoloxía», «Cirurxía» e «Cardioloxía».

Á mesma pregunta pero sobre grandes animais,atopamos no primeiro posto «Clínica e Patoloxía de Gando Vacún de Leite» (13%), seguido nos primeiros postos por «Clínica e Patoloxía de Gando Vacún de Carne» (12%), «Nutrición en Gando Vacún» (11,7%) e «Cirurxía en GandoVacún» (11,55%).

No que lle toca a outras temáticas, os enquisados mencionan nos cinco primeiros postos: «Benestar animal», «Implantación e auditoría de programas de calidade alimentaria (APPCC, IFS, BRC…)», «Responsabilidade profesional e peritación veterinaria», «Sanidade animal de enfermidades (re)emerxentes (rabia, lingua azul, febre aftosa…», «Identificación animal e movemento de animais de compañía na UE», «Inspección en Matadoiro» e «Xestión da gandeiría ecolóxica».

***Na área privada da web do Colexio (www.colvetcor.org/area-privada/) podedes acceder ao informe completo sobre a enquisa participativa.