Segue a introdución das novas normas de certificación veterinaria para a exportación

A esixencia de sistema de autocontrol auditado entra en vigor o 1 de marzo.

Foi xa en decembro de 2014 cando entrou en vigor a nova norma que regulamenta o procedemento e os requirimentos da certificación veterinaria oficial para a exportación. Así e todo, varias das súas medidas de aplicación teñen establecido un período de aplicación.

Nesa liña, será o próximo 1 de marzo cando as empresas deban dispoñer dun sistema de autocontrol auditado específico para a exportación (SAE). Este deberá estar certificado por un Organismo Independente de Control, de cara a exportación de produtos destinados ao consumo humano a países que inclúan nos seus certificados esixencias non equivalentes ás da Unión Europea. Así o recordaron desde o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (Magrama), durante unhas recentes xornadas informativas sobre esta cuestión dirixidas a establecementos e empresas exportadoras de alimentos de orixe animal, entidades auditoras e outros axentes participantes do proceso.

A norma contempla tamén a creación dun Comité de coordinación onde se involucren todas as administracións implicadas no proceso certificador e reforza a fiabilidade do sistema a través de instrumentos específicos de autocontrol certificados baixo estándares internacionalmente recoñecidos.

Do mesmo xeito, o mencionado Real Decreto tamén potencia o papel do CEXGAN como ferramenta telemática para realizar todas as xestións necesarias para a exportación de xeito electrónico, reducindo así os tempos de tramitación e a necesidade de entregar documentación física nas unidades de certificación.