O Consello de Ministros de Agricultura da UE tratará a creación dunha plataforma sobre benestar animal

Con motivo da próxima reunión do Consello de Ministros de Agricultura e Pesca deste 15 de febreiro en Bruxelas, un dos puntos de debate é a solicitude das delegacións de Países Baixos, Dinamarca, Suecia e Alemaña para que se forme unha plataforma a nivel europeo na que se debatan os temas relacionados co benestar animal na que poidan participar as partes interesadas (organizacións gandeiras, industrias cárnicas, etc), ademais das diferentes autoridades dos Estados membros da UE.

A proposta xorde dunha reunión levada a cabo polos ministros de Agricultura a finais de 2014 na cidade de Vught (Países Baixos) na que adoptaron unha declaración común sobre os temas de benestar animal. Nela establecían que a UE debería manter unha posición mundial de liderado nestes temas.

Na declaración queríase incidir na mellora da normativa actual, do benestar animal e do coñecemento sobre estes temas. Ademais indicábase a necesidade de mellorar tamén o benestar animal naqueles animais que se utilizan para carne que posteriormente é importada á UE.

Coa plataforma solicitada búscase facilitar o intercambio de experiencias, dar visibilidade ás iniciativas que buscan promocionar o benestar animal, desenvolver colaboracións entre os membros, identificar as mellores prácticas nestes temas en cada Estado membro, así como discutir sobre o fortalecemento e mellora do benestar animal a través da lexislación.

Fonte: Eurocarne