Este Nadal lembra: Un animal non é un xoguete

Este Nadal lembra: Un animal non é un xoguete

Moitos fogares adoptan mascotas coincidindo con estas datas.

A Fundación Affinity lanzou a campaña #NoSonUnJuguete para concienciar sobre a adopción responsable de mascotas e loitar contra o abandono de animais, coincidindo coa festas do Nadal, cando chegan aos fogares españois preto dun 40% de animais en forma de obsequio, segundo a entidade.

Por iso, a Fundación Affinity pretende crear conciencia e lembra que cans e gatos non deberían ser regalados como un obxecto calquera, á vez que alerta sobre as nefastas consecuencias que pode ter regalar animais, co fin de evitar futuros abandonos.

Para trasladar esta mensaxe, a Fundación creou unha historia que ilustra as luces e sombras do que significa convivir cun can.

A directora de Fundación Affinity, Isabel Buil, sinalou que quería “contar unha historia que conectase coa xente, que tivese emoción e que ao mesmo tempo levase á reflexión a aquelas persoas que quizais estean a pensar nun cachorro como agasallo de Nadal. Convivir cun can ou un gato é unha decisión tan importante que ninguén máis a pode tomar por un mesmo. Que os nosos fillos pidan un can ou gato como agasallo de Nadal é perfectamente normal pero non quere dicir que teñamos que comprar ou adoptar un automaticamente, senón que temos que meditar ben a decisión antes de dar o paso. Probablemente, desvincular esta decisión dunha época de agasallos e sorpresas como é o Nadal, sexa unha boa forma de deixar o impulso a un lado”.

Segundo a II Análise Científica da Fundación Affinity, que analiza o vínculo entre persoas e animais de compañía, para un de cada dous nenos o animal representa, despois de seus pais, a principal fonte de apoio emocional en situacións de medo ou tristeza. Ademais, un 60% dos nenos asocian a cans e gatos como compañeiros de actividades, e o 80% dos menores prefire xogar con eles antes que con videoxogos.