Crean método para identificar esporas bacterianas resistentes a tratamentos térmicos do leite

Tese presentada no Lhica da Facultade de Veterinaria da USC.

O Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC vén de poñer a punto unha nova metodoloxía molecular para identificar e cuantificar a presenza de certas esporas de orixe bacteriana  que resultan especialmente resistentes aos tratamentos térmicos que se aplican para a fabricación de leite UHT e que poden chegar a producir importantes problemas no procesado e na posterior comercialización deste alimento.
 
O desenvolvemento desta nova metodoloxía é unha das achegas da tese de doutoramento que vén de presentar na USC o exipcio Mohamed Ibrahim Mohamed Bouelnaga baixo o título  ‘Caracterización molecular e desenvolvemento de métodos de PCR en tempo real para avaliar e cuantificar xenes de virulencia de enterococos en alimentos fermentados e non fermentados, e Bacillus sporothemodurans en leite UHT’.
 
Esta investigación de doutoramento, dirixida polos profesores do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía Carlos Manuel Franco Abuín e José Manuel Miranda López, está estruturada en tres capítulos e deu pé a outras tantas publicacións en revistas con índice de impacto do máis alto nivel. No primeiro dos capítulos, Mohamed Ibrahim Mohamed Bouelnaga, analiza a presenza de factores de virulencia asociados a cepas de enterococos illados de alimentos fermentados e non fermentados, como o queixo o ou leite, ademais de estudar a presenza de resistencias fronte a diversos antimicrobianos de ditas cepas de enterococos.
 
Estas pescudas realizadas por Mohamed Bouelnaga, que se converteu no primeiro investigador de orixe exipcia que defende unha tese de doutoramento no Campus Terra da USC, arroxaron como resultado que o proceso de fermentación pode estar involucrado nunha maior presenza dos referidos factores de virulencia. Outra das conclusións atinxe ao feito de que nos alimentos non fermentados, sobre todo en carnes frescas, atópase un maior número de cepas resistentes a diversos antimicrobianos.
 
Nunha fase posterior da súa investigación de doutoramento, Mohamed Bouelnaga puxo a punto unha metodoloxía molecular para cuantificar directamente a presenza dalgúns destes factores de virulencia en alimentos, unha novo avance cuxos resultados puxeron de manifesto a versatilidade a utilidade do emprego destas técnicas para o control alimentario no marco da seguridade alimentaria.
 
Tribunal da tese e cualificación
O profesor de Investigación do CSIC de Vigo Santiago Aubourg Martínez presidiu o tribunal da tese, do que tamén formaron parte o profesor titular da Universidade de Valladolid Emiliano Quinto Fernández e a profesora titular da USC Beatriz Vázquez Belda, que desenvolveu as funcións de secretaria.
 
Os membros do tribunal destacaron a calidade e as importantes contribucións científicas realizadas por Mohamed Bouelnaga na súa tese de doutoramento, razón pola que lle outorgaron por unanimidade a cualificación de sobresaínte cum laude.